Saturday 04 de May de 2024

A sala de exposicións de Lousame acollerá ata o 19 de marzo a mostra coas 35 imaxes participantes no concurso “Eu tamén traballo”


Villaverde indica que “é unha homenaxe ás mulleres que traballan en distintos ámbitos e ás que nos precederon”, agardando que “nos fagan reflexionar sobre o moito que se avanzou e o que nos queda por facer”

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiron a inauguración da exposición e entrega de premios do certame “Eu tamén traballo”, organizado co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e que poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o vindeiro 19 de marzo. O acto celebrouse na noite de onte xoves na Casa da Cultura de Lousame e nel tomaron parte máis de medio cento de persoas.

Teresa Villaverde salientou que esta exposición das 35 imaxes participantes no concurso “Eu tamén traballo” é “unha homenaxe ás mulleres que traballan en distintos ámbitos e ás que nos precederon”, agardando que “nos fagan reflexionar sobre o moito que se avanzou e o que aínda nos queda por facer”.

Neste sentido, a alcaldesa de Lousame agradeceu a presenza no acto de homes e nenos pois “temos que estar todas unidas, pero tamén necesitamos aos homes, non coma inimigos senón como socios da nosa viaxe”. Villaverde Pais fixo un chamamento á corresponsabilidade na casa: “non hai tarefas dun ou doutro sexo, hai tarefas que se reparten”.

Traballar pola igualdade

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura a un manifesto no que asegurou que “dende o Concello de Lousame comprometémonos a seguir traballando a favor da igualdade entre homes e mulleres xa que a igualdade é a base para acadar o benestar social, pero isto só o podemos facer as mulleres coa axuda dos homes”. Así, indicou que “a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar”.

Silvia Agrafojo amosouse convencida de que “o emprego é a principal ferramenta para combater a desigualdade” e de que “hai que seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e influencia á vez que cómpre derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condición de igualdade e a promoción profesional das mulleres”. Para seguir traballando a favor da igualdade, Agrafojo anunciou a posta en marcha dunha páxina en Facebook, “Lousame en Igualdade”, na que se recollerá toda a información de interese en materia de igualdade, emprego, formación…

Entrega de premios

O acto estivo amenizado pola soprano Esperanza Mara, veciña de Noia pero con orixes en Fruíme, quen estivo acompañada ao piano por Estefanía Cereijo. Durante o mesmo fíxose entrega dos premios do concurso “Eu tamén traballo”, levado a cabo durante a pasada semana a través da páxina en Facebook do Concello de Lousame e no que tomaron parte 35 propostas, que recibiron un total de 2.789 votos por parte de 1.418 persoas.

A gañadora do certame foi Fátima Pan Sobradelo, armadora, que recibiu 268 votos por parte da veciñanza, polos que poderá desfrutar dunha cea para catro persoas no restaurante Minas de San Finx. Así mesmo, Sheila Sánchez recolleu en nome de Ángela Vilas González o vale para unha cea para dúas persoas no mesmo restaurante, ao ser a agraciada no sorteo realizado entre os 1.418 participantes no concurso.